Thursday 16 de May de 2024

Carballo acollerá unha exposición de beléns do mundo con pezas de artesanía únicas e de gran valor artístico


“De Belén ao Finisterrae” amosará no Pazo da Cultura unha parte dos máis de 2.500 beléns que integran a colección do Taller Museo Santxotena (Áraba)

Este Nadal poderemos viaxar De Belén ao Finisterrae a través dunha das mellores coleccións de beléns de todo o estado. Unha selección das máis de 2.500 pezas artesás que integran o Taller Museo Santxotena (Áraba) chega a Carballlo para ofrecernos unha mostra única, froito de máis de vinte anos de traballo de Teresa Lafragua e Xabier Santxotena para dar a coñecer a historia, a cultura e a etnografía dos pobos dos cinco continentes.

A exposición, que chega por primeira vez a Galicia grazas á colaboración entre a área de Turismo do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, permítenos facer un percorrido ao longo das rutas xacobeas que conducen ao finisterrae galego.

Galicia é, de feito, un dos territorios con máis presenza. A nosa comunidade achega 46 beléns, algúns deles creados por artesás e artesáns da provincia da Coruña como Alejandro Roig, Víctor Ares, Susana González, Carmen Piquer, Antonio Pereira (O Rulo), Juan Ferreira, Carlos San Claudio, Nano Unzueta, Marilá Gómez Caamaño, Fani Sánchez Barreiro e polos obradoiros Cerámica da Ulla, Feituras, Olería Aparicio e Alfarería O Falsete. Na súa elaboración utilizáronse materiais como o barro, a porcelana, a miga de pan, téxtiles… converténdose deste xeito nunha mostra da ampla oferta artesá de Galicia.
A exposición De Belén ao Finisterrae será inaugurada o 14 de decembro, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura. Ao acto, aberto a toda a cidadanía, asistirán o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a directora do Taller Museo Santxotena, Teresa Lafragua. A mostra poderá visitarse ata o 15 de xaneiro no horario habitual de 16.30 a 21.00, de luns a sábado.

Unha tradición fortemente arraigada

Os beléns son unha tradición fortemente arraigada en toda Europa dende finais do século XIII, aínda que a nivel peninsular terían maior presenza a partir do século XIV grazas a promoción que fixeron deles as ordes relixiosas.

Na actualidade téñense convertido nun importante reclamo e atractivo turístico a nivel estatal, mesmo con rutas organizadas en distintas comunidades autónomas. Dende Turismo de Galicia, no noso contexto máis inmediato, destácase como primeiro punto da oferta de Nadal do 2021 o papel que xogaron os beléns de interese turístico. Ningún deles se situou na provincia da Coruña, unha eiva que superamos neste 2022 coa exposición internacional da que gozaremos en Carballo, e que supón, ademais dunha atracción turística de calidade, unha oportunidade de achegamento de toda a cidadanía ao patrimonio cultural e de promoción da artesanía como valor patrimonial e social.